Plásticos técnicos

Hoxe en día os plásticos técnicos son o gran rival do aceiro inoxidable, tanto en canto ao seu prezo como en canto ao custo de mantemento e fabricación de pezas. Concretamente o polietileno-PE e o polipropileno-PP, obxecto dos nosos cursos, utilízanse en infinidade de sectores e teñen múltiples aplicacións industriais, sendo materiais innovadores e con moita proxección de futuro.

Presentan unha alta resistencia a elementos químicos e á corrosión; pouco peso ; alta resistencia á abrasión; teñen comportamento antiadhesivo; presentan unha alta resistencia ao choque e capacidade de absorción do impacto; a súa absorción de auga é desprezable; teñen excelentes propiedades para a redución de ruídos e vibracións; son fisioloxicamente inertes polo que se recomendan para estar en contacto con alimentos; son facilmente substituíbles e requiren pouco mantemento.

Polas súas características técnicas, estes materiais son especialmente aptos para diferentes industrias como a naval, a acuicultura, a farmacéutica, a química, a alimentaria, a aeronáutica, a construción e o transporte entre outros.

Partindo de pranchas e tubarias (cos seus accesorios e en combinación con outros materiais plásticos), e mediante soldadura termoplástica pódense construír numerosas pezas: cubas, depósitos, embarcacións, bateas e gaiolas mariñas, liñas de condución en tubarias de múltiples líquidos, habilitación de bodegas de barcos, emisarios mariños, táboas de corte, recubrimento e impermeabilización en industrias, túneles e cámaras de refrixeración e conxelación, maquinaria para a industria conserveira e, en xeral, toda a alimentaria.

O Centro Formación Aixola é pioneiro e único en toda Galicia e no Estado Español en apostar pola formación na manipulación e aplicación práctica destes materiais. A súa oferta formativa na área dos Plásticos Técnicos sitúao na vangarda da formación en Novas Tecnoloxías.

Próximamente abriremos o prazo de incripcións nos cursos desta especialidade. De momento, podes manifestar o teu interese nesta área a través deste formulario.

Formulario de manifestación de interese
 

Visit Us On FacebookVisit Us On TwitterVisit Us On InstagramVisit Us On Google Plus