MADEIRA

De todos os materiais de construción naval, a madeira é o máis ecolóxico por excelencia: provén da natureza e unha vez finalizada a súa vida útil, volve a ela sen apenas alterar o medio; o consumo enerxético no ciclo global construtivo é mínimo. Por todo isto, a construción en madeira é a de menor impacto ambiental, cun efecto chamadosecuestro do carbono”. 

Galicia é actualmente a rexión de Europa cunha maior densidade de carpintarías de ribeira en activo: vinte estaleiros que constitúen a Asociación Galega de Carpintarías de Ribeira (AGALCARI); esta industria da servizo a unha importante frota profesional de pesca e acuicultura construída en madeira que require mantemento e renovacións; tamén responde á crecente demanda de embarcacións tradicionais, á paulatina entrada no sector da náutica de lecer e á constante necesidade de carpinteiros navais para cubertas, sobrestruturas e modelos.

En Europa, durante os últimos anos, comezaron a xurdir movementos de promoción da madeira como materia prima baseados nas súas bondades ecolóxicas, así coma nas vantaxes do seu comportamento no mar. Proxectos europeos como NEA ( Náutica Espacio Atlántico), DORNA (Desenvolvemento Organizado e sostible de Recursos no Noroeste Atlántico), ou WOOBTA (WOOden Boatbuilders Training Association), contaron coa implicación de organizacións de España (moi especialmente Galicia), Francia, Reino Unido, Inglaterra, Irlanda, Portugal, Suecia e Noruega, entre outros. Estas iniciativas buscan tamén fomentar a xestión sostible das explotacións forestais e o uso de especies locais, a través dunha adecuada certificación da orixe da cadea de custodia.

A utilización da madeira aplicando técnicas mixtas e de combinación con outros materiais (epoxi, resinas e acabados base auga, etc.), está dando como resultado embarcacións profesionais optimizadas tecnicamente para o seu uso na industria auxiliar de acuicultura e de pesca artesanal; empréganse técnicas respectuosas coas formas e métodos de construción  tradicionais e que xeran o seu propio nicho de traballo coas necesarias actividades de  reparacións.

Neste contexto, a formación é unha das claves para a revitalización desta actividade que demanda persoal altamente cualificado. Os cursos da área de madeira do Centro de Formación A Aixola abranguen o ensino de técnicas construtivas tradicionais xunto coas novas tecnoloxías e materiais innovadores: sistema “coser e pegar” que permite o emprego de contrachapados para a elaboración de formas planas; laminados de madeira sobre formas non planas co sistema de baleiro; tamén se combina a madeira con outros materiais, realizando revestimento de fibras sobre superficies de madeira, ou empregando cortiza en combinación cos laminados.

 

 

Follow by Email
Facebook
Twitter
Follow Me
Instagram