Reparación da embarcación «Sementeira» da Cofradía de Lourizán nos cursos do Aixola
Alumnos dos cursos de poliéster e mecánica de motores do centro de formación A Aixola reparan a embarcación «Sementeira» da Confraría San Andrés de Lourizán.
O centro de formación A Aixola, dependente da Consellería do Mar e xestionado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, finalizou os traballos de reparación da «Sementeira», unha pequena embarcación de poliéster da Confraría de Pescadores San Andrés de Lourizán que se atopaba deteriorada.
A restauración, que se iniciaba a mediados de agosto co traslado da «Sementeira» aos talleres da Aixola no Porto de Marín, foi realizada polos profesores e alumnos dos cursos de «Laminado manual en poliéster para pezas de acuicultura e construción naval» e «Mecánica básica de motores en embarcacións menores».
A pequena embarcación, dedicada á resiembra dos excedentes das capturas do sector de marisqueo a pé da Confraría de Lourizán, habíase ido deteriorando co paso do tempo, polo que tendo en cuenta o servizo que a «Sementeira» prestaba a un colectivo composto por 350 mariscadores, e coñecida a experiencia da Aixola neste tipo de reparacións, dita entidade solicitou ao centro de formación a súa colaboración na restauración.
Os traballos consistiron basicamente na limpeza xeral do casco e cuberta, lixado, reparación de danos, imprimación e pintado por parte dos alumnos de laminado en poliéster, á vez que se procedeu, unha vez desmontado, á limpeza, revisión e comprobación de todos os sistemas do motor por parte dos alumnos do curso de mecánica.
Todos estes labores finalizaron estes días e a embarcación está lista para a súa entrega á Confraría de Lourizán.



