COMPOSITES


Un material composto é o resultado da combinación de dous ou máis materiais que permite obter unha combinación única de propiedades. Existen moitos tipos de materiais compostos, en función da súa matriz ou da forma en que posúa o seu reforzo, pero os que están reforzados por fibras son os máis importantes dende o punto de vista tecnolóxico. Neste grupo, o máis destacado é o poliéster reforzado con fibra de vidro.

A principal vantaxe que presenta o traballo cos composites é o abaratamento de custes que supón a posibilidade de seriar a fabricación de pezas partindo de moldes. Esta característica tivo un importante impacto no eido da construción naval, onde estes materiais se impuxeron na fabricación de embarcacións de pequena eslora. Tamén na acuicultura, campo no que Aixola ven colaborando coa Consellería do Mar no deseño e construción de mobiliario específico para centros como o de Ribadeo ou o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA). É importante sinalar que, hoxe en día, o manexo do poliéster require de man de obra nos máis diversos ámbitos da estrutura industrial (automoción, eólicas.), polo que se trata dunha formación cun amplo espectro de posibilidades laborais mesmo fora do sector marítimo pesqueiro.

A ausencia de centros de formación específicos nesta especialidade fai que Aixola sexa un centro de referencia para a formación de todos estes profesionais e como punto focal no I+D+i para as empresas e organismos que traballan neste sector.  Aixola é o único centro de formación a nivel estatal que imparte formación na técnica de moldeado por transferencia de resina (RTM). Esta técnica innovadora permite reducir as emisións de gases na fabricación de pezas, empregando un sistema de molde e contramolde ao baleiro. As pezas así obtidas saen acabadas polas dúas superficies,  o que representa un avance definitivo para determinados tipos de traballo. 

Follow by Email
Facebook
Twitter
Instagram